Monday 20 de May de 2024

A Xunta convoca as axudas para impulsar a calidade e competividade das prazas galegas a través do Plan de Mercados Excelentes


Esta folla de ruta contempla 20 actuacións específicas para potenciar estes centros como espazos de emprendemento e de dinamización económica

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases que rexerán a concesión das axudas deste ano da Consellería de Economía, Emprego e Industria que están dirixidas aos concellos galegos e ás asociacións e cooperativas de persoas praceiras dos mercados situados nos municipios polos que discorren os camiños de Santiago, para a consecución do distintivo de Mercado Excelente, a mellora dos recintos e a posta en marcha de actuacións que permitan ás prazas de abastos aproveitar as sinerxías xeradas polo Camiño de Santiago.

O Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020 destina 20 millóns de euros ata 2020 a impulsar a calidade e a competitividade das prazas de abastos galegas, a través dun total de 20 actuacións específicas que permitirán potenciar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, adaptados aos novos hábitos dos consumidores e vinculados ao territorio.

Na elaboración desta nova folla de ruta participaron tanto as asociacións de comerciantes como os concellos, un proxecto que inclúe unha guía de boas prácticas que debe seguir un mercado para elevar os seus niveis de calidade e alcanzar así a excelencia; ao tempo que establece os requisitos para lograr o distintivo de Mercado Excelente, que permitirá acceder a axudas específicas, incorporando unha ferramenta que permite avaliar aspectos como a arquitectura, a xestión, a atención ao cliente, ou a actividade. A convocatoria publicada esta semana no DOG especifica que as solicitudes para acceder a ditas axudas poderán presentarse ata mediados do mes de agosto.

Poténciase o correcto acondicionamento do edificio, así como das súas instalacións e accesos, ofrecendo unha imaxe homoxénea e atractiva; unha xestión eficiente e unitaria, para alcanzar a modernización dos mercados; o servizo ao cliente, mellorando a súa experiencia de compra; e a posta en valor do compromiso dos mercados co medio, co produto local e o consumo responsable, apostando pola mellora continua.

Entre os obxectivos do Plan fíxase a incorporación á Rede de Mercados Excelentes de cando menos 20 prazas de aquí a 2020; incrementar nun 15% a ocupación das prazas, ata superar os 3.300 postos activos; ou aumentar nun 50% o asociacionismo, chegando ata os 45 mercados con estrutura asociativa. Para iso, entre as diferentes medidas incluídas neste Plan atópanse axudas para modernizar os mercados; promover a venda por internet, a dixitalización, o envío a domicilio ou o servizo de personal shopper, que axuda a escoller o mellor produto, ou impulsar a xerencia profesionalizada.

O documento busca ademais de resaltar o valor e potencial dos mercados galegos como xeradores de emprego e como eixos da vida económica e social das vilas e cidades, potenciar o seu atractivo turístico. Para iso, entre outras accións, apóstase por aproveitar sinerxías, especialmente nas diferentes rutas xacobeas, coa creación da marca Mercados no Camiño, e o impulso á atención especializada e accións concretas dirixidas aos peregrinos.

Ademais, entre outras iniciativas, tamén puxo este ano en marcha a aplicación de teléfono móbil de Prazas e Mercados de Galicia, a través da cal se poden consultar a ubicación e os horarios de apertura, os servizos dos que dispón cada unha delas, así como acceder a enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda online daqueles mercados que dispoñen dela.

Na actualidade, Galicia conta con 105 mercados e prazas de abastos con preto de 2.800 postos activos e 6.000 traballadores. Co Plan de Mercados Excelentes dáse un novo pulo á política de apoio a estas infraestruturas impulsada polo Goberno galego, que desde o 2009 leva respaldado investimentos que suman máis de 32 millóns de euros en 89 prazas de abastos, en colaboración tanto cos concellos como coas asociacións de comerciantes.